Como poeta, os seus últimos libros son Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés 1998) e Diacrónica (2002). Estes e outros poemarios recóllense no recompilatorio As máscaras de Crono (Poemas 1994-2002).
Animador de múltiples actividades culturais, foi o primeiro presidente (1994-97) da asociación cultural "A Santa Compaña" de Cambados, onde reside; e un dos promotores da revista homónima. Ten desenvolvido unha intensa actividade xornalística dende os anos oitenta, sendo columnista en distintos xornais (El Mundo, Faro de Vigo, O Correo Galego), creador de series xornalísticas: Blues da fronteira (La Voz de Galicia), O libro de area (Faro de Vigo), e colaborador en suplementos culturais (Galicia Literaria, Faro das Letras, La Ría del Ocio, Arousa-Un mar de cultura). Poemas, relatos e colaboracións súas aparecen tamén en escolmas, antoloxías, revistas literarias e congresos dentro e fóra de Galiza.
Na súa producción infantil e xuvenil, marcada sempre pola problemática ecolóxica, aparecen títulos como: Micifú e os seus amigos (2000); Ruki, o rato robot (2003); e a peza teatral Historia dunha sobreira (2001); destacando a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado que recentemente apareceu completa con este título, no seu primeiro ciclo (Xerais, 2001). Sheila e Said representaron unha auténtica novidade dentro do sistema literario galego, obtendo unha grande acollida entre o público xuvenil, desde a primeira entrega da serie, Perigo vexetal (Premio Merlín, 1995), obtendo un éxito inmediato, con sucesivas reedicións e traduccións ó euskera, español e portugués. A esta obra seguiron Ameaza na Antártid a(1997) e O futuro Roubado (1999). A cuarta entrega da serie, A negrura do mar, actualmente no prelo, publicaráse simultáneamente en Portugal e Galiza; e marcará o comezo do segundo ciclo destes personaxes.
| [Maio, 2004] |